CONCURSO EDUEMPRENDE IDEA

A Consellería de Educación vén de convocar, un ano máis, o concurso Eduemprende IDEA. Pretende fomentar os proxectos emprendedores do alumnado de FP. Hai dúas modalidades, para ciclos de grao superior e para ciclos medios, e a dotación económica é de 3000 euros para o primeiro premio, 2000 para o segundo e 1000 para o terceiro clasificado. A inscrición, que será para grupos de entre 2 e 4 alumnos, debe realizarse aquí.

Dádevos présa, que o prazo acaba o 4 de maio!

XORNADA DE FINANCIACIÓN

FINANZAS PARA MORTAIS

O director da sucursal do Banco Santander en Vilagarcía, Francisco Moliner, analizou a viabilidade dos proxectos empresariais dos nosos alumnos da familia profesional de Informática.

Ademais de coñecer novas vías de financiación, Francisco Moliner aconsellou os nosos equipos sobre a forma xurídica a adoptar e que datos hai que vixilar para controlar a evolución do negocio.

QUE VOS OFRECE O VIVEIRO?

Empezar é difícil e, como somos conscientes disto, dende o viveiro ofrecémoslles aos emprendedores dous tipos de servizos fundamentais:

  1. Asesoramento: tanto por parte do profesor especialista en Formación Profesional, como por especialistas que avalían a viabilidade técnica e económica do proxecto e titorías/acompañamento por parte do coordinador do viveiro.
  2. Instalacións: 2 despachos completamente amoblados; equipos informáticos, servizos de internet, telefonía, fax…; gastos de mantemento incluidos.

E todo isto, completamente GRATIS!

 

 

Quen non emprende e por que non quere!

REQUISITOS DE ACCESO AO VIVEIRO

No noso viveiro temos á vosa disposición dous despachos completamente equipados, sala de reunións e sala de espera. Quen pode facer uso do viveiro?

  • Alumnado matriculado en formación profesional, artes plásticas e deseño, ensinanzas superiores de deseño, ensinanzas artísticas superiores, ensinanzas deportivas, bacharelato ou en Educación Secundaria para Adultos (ESA).
  • Persoas que remataran nos últimos 4 anos os estudos anteriormente citados.
  • Poden acceder empresarios individuais ou equipos emprendedores, segundo a forma xurídica elixida.

PREPARANDO O ERASMUS+

Dende o IES Armando Cotarelo estamos a preparar a documentación e o proxecto que nos permitirá incorporarnos ao programa Erasmus+. O noso obxectivo é favorecer a empregabilidade dos nosos alumnos, fomentar a aprendizaxe de linguas e, sobre todo, axudarlles a dar unha visión global do mundo laboral e empresarial. Seguiremos informando!

O valor do emprendemento na carreira profesional

EMPRENDER NON É UNHA OPCIÓN, É UNHA OBRIGA

Baixo esta premisa partiron as intervencións de Enrique Gómez, técnico do IGAPE, e Jesús Diéguez, emprendedor no sector da consultoría.

 

 

 

 

 

Ante alumnos das familias de Administración, Comercio e Informática, explicaron como está evolucionando a vida laboral e como o emprendemento vai formar parte da carreira profesional da maior parte de nós… Explicaron as dificultades coas que se atopa o emprendedor, pero tamén as opcións e oportunidades que convirten o traballo nunha paixón.

 

 

 

Así que, aprender a emprender!