Viveiro de
Empresas
IES COTARELO

Axuda a mozos emprendedores en Vilagarcía de Arousa. Que pode facer por ti o Viveiro de empresas do IES Cotarelo?

Table de contenido

No viveiro de empresas do IES Armando Cotarelo Valledor temos un plan: que o maior número de mozos do contorno de Vilagarcía de Arousa coñezades que é o emprendemento e apostedes por el.

Porque o momento de facer experimentos é agora.

Probas deportes, estilos no vestir e afeccións. Viaxas e coñeces novas culturas e países. Aprendes idiomas e defines os teus gustos alimentarios. Súmaste a unha ONGué e escolles unha opción política…

Inexplicablemente, neste momento de explosión vital, sodes poucos os que definides como queredes gañar a vida e poñedes a proba a vosa idea

Ou polo menos a nós parécennos poucos. Queremos máis emprendedores na zona de Arousa. 

Pensa que o traballo vaiche levar polo menos un terzo do teu tempo durante os próximos anos. Non cres que paga a pena tentar facer algo que te apaixoe? 

Que cres que precisas para un primeiro contacto co emprendemento?


As 5 barreiras do emprendemento (e as solucións do Viveiro de empresas IES Cotarelo)

No viveiro de empresas IES Cotarelo estamos en contacto con mozos dende os seus estudos de  Formación Profesional. Vemos cada día a persoas moi capacitadas, con moito valor que lle aportar ao mercado laboral. 

Sabemos que precisas para emprender e temos dispoñibles a grande maioría deses recursos. E ollo: vanche saír de balde. 

Tamén temos claro cales son os puntos que máis frean o emprendemento mozo e como solucionalos:

Nin idea de como vai iso do emprendemento

Non saber como funciona o proceso de emprendemento é un dos obstáculos máis importantes que te frean. E tamén pode facerche fracasar, se te lanzaches de cabeza a pór en marcha a túa idea sen saber como vai.

Pé: Esta é a cara que se che queda cando estás empezando

A nivel xeral, recomendámosche:

1 Define que queres conseguir co teu emprendemento

Ten claro se o negocio que vas montar é o teu soño e desexas que medre, ou so queres gañar cartos dabondo para investir noutro proxecto.

2 Escolle o tipo de negocio ao que vas adicar a túa enerxía

Se queres facer medrar o teu negocio soñado, dedícate a algo que che guste e apaixoe, e no que teñas coñecementos dabondo para empezar. 

3 Crea o teu plan de negocio

Plasma por escrito de xeito detallado a túa idea de negocio, examina a súa viabilidade técnica, comercial e financeira. E planifica os pasos a dar e os recursos que precisas. Para iso vai xenial o Lean e as metodoloxías áxiles, algo que no Viveiro nos encanta. 

4 Rodéate de colaboradores que te axuden nos teus obxectivos

Ao comezar non dispós de moitos recursos, pero se traballas dende oficinas de networking (ou as do Viveiro, por suposto) atopas compañeiros cos que compartir ideas

5 Ten motivación para emprender

Cada día atoparás moitos retos que salvar, así que precisarás estar motivado e convencido de que ti podes co que chegue e moito máis.

Se aínda non o tes claro, aquí tes 7 ideas de negocio que podes montar con pouco investimento. 

Danche medo os trámites e a burocracia

Só con ter unha idea viable non podes pór en marcha o teu emprendemento.

A lei esixe uns trámites e certo papeleo, para que poidas vender o teu produto ou servizo

Pé: Algo así, pero nós cho simplificamos. 

A burocracia non é demasiado engorrosa nin custa cartos se sabes onde dirixirte, xa que hai organismos que realizan gratuitamente a alta da túa empresa.

Porén, por descoñecemento, é un dos puntos que máis inmobilizan os mozos emprendedores. 

Unha vez máis, aí podemos axudarte. Bótalle un ollo aos servizos do Viveiro de Empresas do Cotarelo.  

A falta de apoio e dun mentor

A soidade ante a toma de decisións tamén suma na balanza, á hora de abandonar o camiño do emprendemento.

A quen preguntar? Pois a nós, claro. No Viveiro dámosche apoio e orientación en cada etapa do proceso.

Para saber por onde debes continuar. Para solicitar subvencións. Para intercambiar ideas con outras persoas autónomas na túa mesma situación. 

Ante calquera impedimento, séntamonoss contigo para pensar xuntos no mellor camiño a seguir e as opcións dispoñibles para ti. 

Un dos servizos máis valorados hoxe en día é o mentoring (en cristiano:mentoría). Se cres que os empresarios o fan todo por si mesmos, xa te dicimos que non. 

A mentoría está orientada a desenvolver o máximo potencial das persoas e o mentor é unha figura cada vez máis en alza –e cotizada-. Directamente: hai mentores que cobran unha pasta por asesorarte. 

No Viveiro de empresas IES Cotarelo contas con persoal que fai esa función a través da tutorización.

A financiación

Certo é que para emprender precisas cartos. Pero depende a que te dediques, o investimento inicial será máis ou menos grande.

Por exemplo, se queres montar unha tenda física tes que pagar a licenza de apertura, o alugueiro, luz, auga, mobiliario, materiais…

Se en cambio o teu obxectivo é montar un negocio online, cun ordenador, un espazo que che sirva de oficina e a alta como autónomo podes comezar a traballar.

É real que o teu proxecto precisa de tanto investimento ou é só un impedimento ilusorio?

As barreiras mentais

Se ata agora nomeamos as barreiras físicas, tanto ou máis importantes son as mentais que che impiden dar o primeiro paso.

Referímonos a eses pensamentos recurrentes que paralizan as túas accións

  • “Hai xente que o fai mellor” 
  • “Non teño coñecementos dabondo para adicarme a isto que me gusta tanto” 
  • “E se non consigo clientes?” 
  • “Non sei como presentar o meu produto para que mo merquen”

Sóache?

Se a isto lle sumamos que a nosa sociedade non promove a mentalidade emprendedora –ao contrario do que sucede noutros países como Estados Unidos, Estonia ou Suecia-, e que a cultura española incentiva o traballo fixo por conta allea, é normal que a túa cabeza sexa o teu peor inimigo.

Pero se miras noutra dirección, atoparás espazos nos que emprender é o común.


Vilagarcía, renovación do emprendemento

Falemos claro: en Vilagarcía as cifras do emprendemento son moi baixas. Mellor nin falar do emprendemento xuvenil. 

Tradicionalmente a zona vive da pesca e o marisqueo, o turismo estacional e algúns empregos de funcionario público. 

Os datos de abril do 2021 por bisbarras galegas indican que o sector servizos é o que rexistra os datos máis altos de paro e as cifras de desemprego xuvenil na bisbarra do Salnés teñen o seu pico máximo en Vilagarcía de Arousa.

O Viveiro de empresas IES Cotarelo quere revertir esta situación e pon á túa disposición diversos recursos gratuitos, aos que podes acceder se o teu emprendemento se enfoca na liña de servizos:

  • Espazos de traballo: oficinas completamente amobladas, sala de reunións…
  • Equipos informáticos, servizos de internet, telefonía, fax.. con gastos de mantemento incluídos
  • Apoio, formación e asesoramento para desenvolver o teu plan de empresa e inicio do proxecto emprendedor
  • Asesoramento de organismos da Xunta de Galicia como Igape ou Eduemprende
  • Asistencia a cursos, feiras, encontros de emprendedores…

Pé: Imos que marchamos


O emprendemento é o emprego do futuro

E por futuro non nos referimos ao ano 2100. A pandemia non fixo máis que acelerar as previsións de emprego que se auguraban para máis adiante.

O Foro Económico Mundial prevé a desaparición mundial de 85 millóns de postos de traballo para 2025… e a creación de 97 millóns.

Para entón as habilidades máis demandadas serán o pensamento analítico, a creatividade e a flexibilidade

Moitos dos novos empregos que se crearán serán a través do autoemprego e o emprendemento, un sistema no que esas tres habilidades son imprescindibles. 

Se es un mozo emprendedor con gañas de crear o teu propio posto de traballo e pór a proba o teu plan, analiza e desmonta previamente as barreiras que impiden avanzar. 

E se vives na zona de Vilagarcía de Arousa, contacta con nós e botámosche unha man.

Comparte:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn