Viveiro de
Empresas
IES COTARELO

Non quero saír da casa / da miña vila. Hai axudas para startups sen ter que mudarme?

Table de contenido

Queres montar unha startup e non sabes se a túa vila é un bo lugar para facelo?

Xa te decimos que si.

Hai moi poucos anos, escoller unha aldea ou unha vila para pór en marcha unha startup atopaba dúas grandes dificultades: localizar persoal cualificado e desenvolver networking de xeito efectivo.

Co pulo que deu o teletraballo, derrubáronse esas barreiras e só quedan ventaxas.

Seguro que terás que viaxar algunha vez, pero compensa.

VENTAXAS DE MONTAR UNHA STARTUP NUN LUGAR PEQUENO

O bo de internet é que podes montar o chiringuito dende onde che dea a real gana. Sobre todo se é unha empresa de base tecnolóxica, non fai falla que marches a ningunha parte.

É máis, quedar na casa ou lanzarte a encher a España baleirada ten unhas cantas vantaxes:

Costes máis asequibles

Isto é o primeiro que vas notar. O alugueiro é máis barato. 

Tamén o é o coste da vida, así que podes arrancar cun soldo máis sinxelo que se vives nunha gran cidade e tes que pagar alugueiro, transporte, ocio…

Tamén aforras en aparcadoiro e en servizos de mantemento e limpeza, xa que estes profesionais teñen tarifas máis axustadas en cidades pequenas.

Mellor calidade de vida

Non só a calidade do aire é mellor e estás máis preto da natureza, se non que eliminas a palabra atasco do teu vocabulario.

Nunha vila pequena está todo a un paso e non vas tardar unha hora en chegar ao traballo. Igual nin precisas do coche para nada. Iso se tes oficina física, claro, porque tamén podes optar polo teletraballo total e que cada un se amañe na casa.

Aínda así, o ideal é que organices xuntanzas presenciais de cando en vez, e neste caso o tes moito máis doado. Aínda que só sexa quedar para tomar algo os venres, o afterwork sempre é de agradecer. 

Retés o talento

Unha vez que consegues bos profesionais na túa zona, resulta máis doado mantelos

Como a calidade de vida adoita ser maior que nas grandes urbes, se consegues un empregado da zona e o tratas ben, probablemente non queira marchar a ningunha outra parte. A ninguén lle gusta emigrar á forza.

E se consegues atraer a profesionais de fóra e fas que se namoren da túa vila, pois moito mellor.

A rotación de persoal xera moitos problemas e ti podes librarte deles.

Expansión futura

Se tes moito éxito, sempre podes expandirte a outros lugares, mantendo a sede orixinal na túa vila, onde tes os teus gastos controlados.

Iso constitúe unha base firme, que segue a funcionar mentres probas sorte noutra ubicación.

Boas comunicacións

É verdade que non estás en Madrid ou Barcelona, pero hoxe en día é raro non ter preto unha conexión con autovía ou autoestrada, ou contar cun transporte público que te leve onde precises.  

Nós, por exemplo, estamos en Vilagarcía de Arousa: 17 minutos de tren ata Santiago. De aí tes conexión directa ao aeroporto. 

UN EMPUXÓN PARA A TÚA STARTUP: AXUDAS EN GALICIA

Se tes claro que desexas montar unha startup, non vas estar só. En Galicia hai eventos e entidades que están desexando axudarte.

Startup Galicia

Unha comunidade aberta de emprendedores que promove o emprendemento en Galicia a través da colaboración dos seus membros. 

Formada por membros procedentes de diversas ramas das ciencias, Startup Galicia dispón dun Slack (Furancho Startup) para fomentar a comunicación e sinerxias entre startups galegas.

Na súa web tes un calendario de eventos, un mapa de situación das startups galegas e blog coas últimas novas.

ViaGalicia

Este programa promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia é un acelerador de proxectos innovadores e investibles.

Tras inscribir o teu Proyecto, ViaGalicia analízao e, se es seleccionado, coñécente en persoa durante o Startup Day. 

Un máximo de 20 proxectos pasan á seguinte fase de formación. Se vas superando tódalas fases, aceleran o teu proxecto cun equipo de expertos, asa chegar á fase de presentación do proxecto a un panel de inversores nacionais e internacionais.

Por certo, que o espazo de coworking de ViaGalicia dende onde vas traballar está en nunha pequena vila: Porto do Molle (Nigrán). Aí hai 165 empresas tecnolóxicas instaladas que xeran case tres mil empregos.

Galicia Startup Congress

Cada ano se realiza este congreso que ten como obxectivo pór en contacto a emprendedores de Startups con inversores.

Participan as startups seleccionadas polas principais aceleradoras galegas. 

Na última edición cumpriron 10 anos e duplicouse o número de proxectos e aceleradoras con respecto ao ano anterior, o que augura que o interese cara as startups está en alza.

É aquí onde se presentan os proxectos con máis percorrido de ViaGalicia e ademais serve de escaparate e motivación para os mozos emprendedores.

O último ganador foi Velca, una marca de motos eléctricas que busca transformar la mobiilidade nas cidades. É a única casa española que as fabrica e xa teñen unha cota de mercado do 11,2%.

The Hop

É un programa de emprendemento colaborativo que desenvolve Estrella Galicia.

Se superas a selección inicial, presentas os teus proxectos ante un comité de expertos. Son máis de 30 profesionais internos e externos á cervexera.

Se te elixen para formar parte de The Hop, recibes un plan de aceleración personalizado e tes a oportunidade de desenvolver un proxecto piloto dentro de Estrella Galicia, valorado en máis de 20.000 €.

Neste caso, o programa se limita a modelos de negocio aplicables á produción industrial, como son o aprovisionamento de materias primas, loxística, fabricación e calidade.

Viveiros de empresas locais

Algunhas vilas pequenas contan con viveiros de empresas a disposición de mozos emprendedores.

Como o Viveiro de Empresas IES Cotarelo que temos en marcha en Vilagarcía de Arousa. Dende el damos asesoramento de proxectos para iniciar negocios no sector servizos, de xeito gratuito.

Aínda que non estamos enfocados especificamente en startups, si podemos acompañarte nos trámites de constitución e busca de subvencións, así como axudas de financiación.

E invitámoste a quedar nos nosos espazos de traballo. Contamos con oficinas, equipos e sala de reunións á túa disposición.

Subvencións estatais

Actualmente hai moitas liñas de subvencións para startups, e liñas de crédito para proxectos con base tecnolóxica.

Ademais España conta cunha recente Lei de Startups, que contempla reducións de impostos, simplifica as medidas administrativas e reduce barreiras burocráticas na creación de startups.

O obxectivo é favorecer o emprendemento xuvenil e cualificado, reter o talento patrio, atraer empresas extranxeiras e incentivar os cidadáns para que non abandonen o país.

EXEMPLOS DE STARTUPS GALEGAS EN PEQUENAS CIDADES

Neste caso, os ejemplos valen máis que as mil palabras deste post. 

Para que comprobes que outros antes que ti percorreron a senda do emprendemento tecnolóxico, presentámoste 3 startups con ADN galego e que ademais están en cidades pequenas.

1. Qbitia

A cidade de Pontevedra é a sede central desta startup que desenvolveu unha plataforma de trading algorítmico para investir en todo tipo de activos.

Atoparon un nicho de mercado e actualmente traballan coas bolsas de Madrid, Londres, Nueva York ou Chicago, ademais de miles de usuarios particulares.

A maior parte dos 20 empregados de Qbitia están en Pontevedra e algúns na súa oficina de representación en Londres.

2. Barkibu

Cando tes unha mascota tes unha alegría. Pero tamén unha responsabilidade que dura moitos anos, e ás veces os costes veterinarios dan un susto imprevisto.

Isto sábeo ben a startup Barkibu, que reúne na súa web a servizos veterinarios de diversos países e cubre ata 3000 € anuais en gastos veterinarios na clínica elixida (esté ou non na súa listaxe). 

Un dos servizos inclúe a resolución de dúbidas mediante tele-asistencia cun veterinario.

Grazas a esta web, con sede en Cambre (A Coruña), os veterinarios gañan visibilidade na plataforma, e os donos de mascotas pagan unha cota similar a un seguro de saúde privado.

3. Situm

É unhha aplicación que guía a persoas dentro de edificios complexos como hospitais, aeroportos, museos, centros comerciais…

A sede de Situm está en Santiago de Compostela e xa opera en Londres grazas á axuda de Microsoft, que apostou pola empresa galega.

Teñen clientes como El Corte Inglés, Telefónica, Acciona ou Securitas, e úsase en máis de 70 países. E ti podes instalala como app de posicionamento indoor no teu móbil.

Non só é útil para orientarte e chegar a tempo a unha cita, se non que se convirte en imprescindible para usuarios de mobilidade reducida e para que os operarios de grandes empresas optimicen o seu tempo.

¿TES BASE PARA MONTAR UNHA STARTUP? ATOPA AS AXUDAS AXEITADAS E FAINO PRETO DA CASA

Se aínda non puxeches en marcha a túa idea de negocio, non poñas a excusa de que vives nunha vila, que xa non se cre. Terás outras limitacións, pero non esa.

Aínda que non sexa unha empresa tecnolóxica, aquí tes ideas de emprendementos que podes montar con moi poucos cartos, 

Se a idea a tes, pero tamén moitas dúbidas, escríbenos. No Viveiro de Empresas IES Cotarelo asesorámoste.  

Comparte:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn