As ideas para emprender xorden nos momentos máis insospeitados. Quen non tivo a idea de montar un bar a horas intempestivas da noite?
-Deberiamos montar un garito
-Si! Sería así, así e así!
-E poríamos a música que nos gusta…
-E poríamos invitar os colegas…
-E nos forraríamos poñendo copas…
Ai, se fora tan doado! Despois da noite chega o día e as ideas emprendedoras hai que miralas con lupa.
E se te metes con amigos, máis. Non sería o primeiro negocio que rompe unha amizade, e ti queres conservar as túas amizades.
Emprender so ou acompañado é unha decisión importante, e antes de tomala deberías ter en conta os pros e contras de cada opción.
POR LIBRE OU CON SOCIOS? PROS E CONTRAS
Tes unha boa idea coa que iniciar o teu emprendemento. Agora valora o mellor e o peor escenario posible e as características de traballar so ou en grupo:
Emprender en solitario
✅ Toma de decisións áxil: obxectivos, investimentos, contratacións…
✅ Non repartes ingresos
❌ Asumes ti so as perdas
❌ Podes sentirte so ante as dificultades
Emprender en equipo
✅ A carga de traballo repártese
✅ A vosa rede de contactos é máis ampla
❌ Tenrás que negociar calquera decisión importante
❌ Compartides gastos, pero tamén ingresos
Por suposto, esta lista podería ser moito máis ampla, pero centrámonos nos aspectos máis importantes. Basicamente: sodes quen de levarvos ben, fixar os mesmos obxectivos e sacar un negocio adiante?
A tENDENCIA é iR POR LIBRE
Imos poñerlle banda sonora a este post. Cal é o teu grupo de música favorito?
Grupo de música? Que é iso?
The Supremes, The Rolling Stones, Queen… E, se imos polo patrio: Mecano, La Unión, Hombres G…
Todo nombres antigos.
Entre os anos 60 e 90 na escena musical mundial predominaban os grupos. Cantos coñeces agora? Adam Levine de Maroon 5 contaba este ano nunha entrevista que ve que xa non hai bandas e que sinte “que son unha raza en extinción”.
Non é unha verdade absoluta, pero non lle falta razón.
Por unha banda, as discográficas potencian os solistas porque son máis doados de manexar e baratos, e, por outra, decaeron as publicacións en papel que apoiaban os grupos e sustituíronas polas redes sociais, que están enfocadas na loa (a marca) persoal.
E aquí chegan Taylor Swift, Billie Eilish, Rosalía, C. Tangana, J. Balvin, Ariana Grande…
(Vale, estamos soltando nomes sen criterio. A lista sería demasiado grande, e este é un post de emprendemento, non de música).
Parácheste a pensar que isto é por algo? A música é tamén un negocio, e neste caso reflicte o cambio de mentalidade occidental. O entrepeneur moderno é individual e vai por libre.
Que por certo é o contrario do que ocorre en Asia, onde a conciencia é que en grupo se traballa mellor e de xeito máis operativo. Mira as bandas de K-pop, se non.
É mellor un modelo que outro? Decídeo ti.
AS pREGUNTAS QUE DEBES FACERCHE ANTES DE ELIXIR SOCIO
Se vas pola túa conta, ti o guisas e ti o comes. As xuntanzas de traballo serán contigo mesmo e irán máis rápido.
Pero cando tes que chegar a acordo con outros, a cosa cambia.
Estás disposto a compartir a túa idea, a que a modifiquen e melloren? Es unha persoa solitaria e introvertida, ou non che custa relacionarte? Sénteste ben delegando o liderazgo?
Se tes claro que vas emprender con socios, elixilos é un dos puntos clave para a supervivencia do proxecto. Ten en conta o seguinte:
- Estades de acordo na idea de negocio? Non vale un si xeral: hai que concretar. Deixade moi claros os obxectivos, valores e visión de negocio antes de mover un dedo… Ou nalgún momento comezarán as leas.
- Cal é o perfil de cada un? Aínda que podedes ter perfís semellantes (por exemplo, porque estudastes xuntos), o ideal é que os socios teñan habilidades e coñecementos complementarios aos teus para poder cubrir máis aspectos do negocio. Seica a un se lle dá mellor falar coa xente e outro prefire facer un traballo máis interno.
Ten en conta a afinidade, por suposto, pero non escollas un socio só porque é un amigo: a profesionalidade é importante.
- Define moi ben que vai facer cada parte, para que ninguén se sinta prexudicado porque sente que traballa máis ou recibe menos.
- Que capacidade de decisión ten cada un? Alguén ten que ter o mando nunha área determinada, por se hai que tomar unha decisión rápida ou rematar unha discusión. Cando hai moitos “xefes” e estes non están de acordo, é imposible avanzar. Se non o vedes claro, o liderazgo pode ser rotatorio.
E un consello importante: poñede todo isto por escrito. Non fai falla que pasedes por un notario, pero creade polo menos un pequeno contrato privado. Se hai algún desacordo, o papel manda.
Ok, e cantos sodes?
Como inicio, funciona ben un total de tres compoñentes. Máis xente adoita ser complicada de xestionar.
Dende o Viveiro de Empresas IES Cotarelo a nosa recomendación é que para un primeiro emprendemento comeces cun par de compañeiros ou compañeiras, e xa máis adiante -con experiencia e contactos ás túas costas- te plantexes se prefires ir por libre.
Por que recomendamos isto? A resposta ten moito que ver co seguinte punto.
AS cOOPERATIVAS XUVENÍS EN GALICIA: UNHA BOA FÓRMULA PARA O TEU PRIMEIRO PROXECTO
Para apoiar o teu primeiro emprendemento, en Galicia contamos coa Lei 6/2016 da Economía Social de Galicia, que regula as Cooperativas Xuvenís.
Sobre esta base podes montar unha cooperativa con socios se tes entre 16 e 29 anos, ou 35 se contas con algunha discapacidade.
Isto facilita moito o autoemprego cooperativo, simplifica os requisitos de constitución e ademais precisa pouco investimento. Só precisades 300 € como capital social mínimo para montar a cooperativa.
Para acollerte, tendes que ser un mínimo de tres socios e a cooperativa ten que estar orientada á Economía Social, que son as actividades económicas que se inspiran en valores como a solidariedade interna, a honestidade ou a transparencia.
Iso si, a vida dunha cooperativa xuvenil limítase a un máximo de cinco anos. Despois deberá transformarse en cooperativa ordinaria ou disolverse.
>>> Por certo, se aínda non decidiches en que vai consistir o teu proxecto emprendedor, aquí tes 7 ideas de negocio que podes montar con poucos cartos.
XA TES MÁIS CLARO SE O TEU É EMPRENDER SO OU EN EQUIPO?
Así a ollo, a nosa resposta sería a dúas, porque nos encanta o modelo cooperativo.
Pero se ti aínda non o ves claro, ante a dúbida, pregunta. Que é gratis. Fixa unha cita no Viveiro de Empresas IES Cotarelo e axudámoste a valorar a túa idea.