Viveiro de
Empresas
IES COTARELO

Obxectivos SMART: define as túas metas de forma intelixente [Con exemplos]

Table de contenido

Cando comezas un proxecto que te apetece vas a tope de motivación. Pero pasan os días e as semanas e esa motivación vai baixando, baixando, baixando… E o proxecto queda esquecido no caixón de cousas por facer. 

Como moito, retómalo cando che volve dar a venada, e despois o volves abandonar..  

Se es dos que lles custa chegar á meta, é case seguro que non defines os teus obxectivos cos criterios SMART. Porque non sabes o que son, ou si o sabes pero che soa afastado e cres que no teu caso non se aplica. 

Pois ben, aínda que se deseñaron con pautas empresariais, os obxectivos SMART poden serche moi útiles na túa vida persoal. 

Aí está a gracia. Serven para todo. Pero hai que saber usalos sabiamente. 

Queres máis recursos para o teu emprendemento? Mira como te podemos axudar no Viveiro do Cotarelo.

POR QUE É IMPORTANTE QUE OS TEUS OBXECTIVOS SEXAN SMART?

Se queres chegar a un lugar, antes debes sinalar no mapa ese destino concreto. Porque os obxectivos son os que guían as nosas accións.

Isto implica que sen unha meta clara, é complicado deseñar o camiño a seguir. Cres que a Discovery de Star Trek pode activar o motor de curvatura sen un destino definido?

E non só precisas marcar un obxectivo preciso á hora de desenvolver un proxecto, se non que debes facelo de forma axeitada para que poidas mantelo ao longo do tempo. 

Se o estableces ben, permíteche realizar medicións e ver o preto (ou non) que estás de acadalo. Igual que no mapa comprobas canto che falta para chegar.

Ademais, o teu equipo ou colaboradores poden consultalo cando teñen que elaborar estratexias. E tamén marca o rumbo das túas accións e do teu plan de marketing.

Como ves, é importante definir os obxectivos correctamente. Un dos xeitos de establecelos baséase na metodoloxía SMART, que atende as anteriores características, como detallamos a continuación.

A súa gran vantaxe, é que é sinxelo de entender e doado de aplicar, polo que vale para acadar tanto as túas metas persoais como profesionais, xa sexa emprendendo con outras persoas ou pola túa conta. 

QUE SON OS OBXECTIVOS SMART?

A cada un o seu: antes de pasar ao gordo, comecemos por recoñecer a autoría do criterio SMART a George T. Doran, que o deu a coñecer nun artigo publicado en 1981.

Este bo home era consultor e director de planificación corporativa. E claro, para planificar hai que facelo cunha meta, así que se puxo a definir as características a ter en conta á hora de fixar obxectivos intelixentes e eficientes. 

E a través do acrónimo SMART –en inglés, intelixente- vertebrou un sistema sinxelo que ensina as 5 claves que deben acompañar a todo obxectivo:

S de Specific/Específico

O primeiro: céntrate.

Á hora de definir os teus obxectivos SMART, precisas escribilos de modo definido, preciso e concreto. 

Os obxectivos ambiguos, xerais, abstractos ou difusos poñen de manifesto que non tes claro cara onde vas. Por iso tes que indicar exactamente que pretendes conseguir.

Aquí tes unha fórmula moi clara: 

Quero + infinitivo

Non “me gustaría”, non un “a ver se”. Quero isto. 

Quero gañar cartos. Quero independizarme dos meus pais. Quero marchar de vacacións a Cancún… Aí xa tes que pór ti o que vexas.

M de Measurable/Medible

Queda co primeiro exemplo de antes: quero gañar cartos.

Cantos cartos? Se gañas un euro ao mes, xa estás conseguindo o que queres? Supoñemos que non. Así que seguimos concretando. 

Quero gañar X euros ao mes. Isto xa é falar con propiedade!

Transforma o teu obxectivo nalgo medible porque é o único xeito de saber se o estás conseguindo ou non. 

Os datos nunca sobran: máis datos, máis control.  

A de Attainable/Alcanzable

Vale, digamos que queres gañar 100.000 euros ao mes. Claro que si, guapi. E libres de impostos, verdade?

Non queremos ser quen de quitarche a ilusión, pero se estás empezando co teu emprendemento… Pois igual télo un pouco complicado. 

O teu obxectivo ten que ser ambicioso, por suposto, pero tamén realista. 

Para que sexa alcanzable ten en conta o momento social e as variables que poden afectarche, como un cambio na legalidade. Valora os teus recursos económicos e tecnolóxicos, e tamén os teus coñecementos e habilidades.

R de Relevant/Relevante

Mañá quero comer polbo. 

Home, un obxectivo si que é, pero igual non é tan importante como para pólo nunha planificación seria. 

O teu obxectivo ten que ser importante para ti. E tes que ter moi claro por que. 

Se imos ao exemplo dos cartos, pensa en para que os queres: para vivir máis tranquilo, para viaxar onde che pete, para poder axudar a túa familia, para lanzar outro proxecto máis grande… 

Se non hai un gran motivo detrás, o teu obxectivo non é SMART e perderá pulo polo camiño. 

T de Timely/ Temporal

Tes que pór unha data límite para o cumprimento do teu obxectivo SMART. 

Non o vexas como unha restrición, se non como un estímulo. 

Está demostrado que canto máis tiempo che dan para facer unha tarefa, máis tempo vas usar. Ou é que nunca estudiaches para un exame a noite anterior? Non te preocupes, fixémolo todos… A pesar de saber meses antes que tiñamos que prepararnos.

Pór un tope temporal empúxate a non procrastinar, e ademais permíteche centrate e medir resultados periodicamente. 

EXEMPLOS DE COMO DISEÑAR OS TEUS OBXECTIVOS SMART

Agora que xa sabes que un obxectivo SMART ten que ser específico, medible, alcanzable, relevante e temporal, vexamos algúns exemplos:

Exemplo 1: Quero correr unha maratón 

S Vou correr (e rematar) a maratón de Madrid

M O seus 42.195 metros completos

A Adoito correr de cando en  vez, pero teño que aumentar os meus entrenamentos

R Quero sentir que estou en plena forma física

T A maratón córrese nunha data concreta. Anotareime na próxima.

Exemplo 2: Quero aumentar as visitas á miña web

S Vou incrementar o tráfico ao mei sitio web sen investir en publicidade

M Conseguindo un 30% máis de visitas

A Estudando o SEO do meu blog e creando un calendario de publicacións

R Con isto os meus posibles clientes atoparanme en Google  

T Vou publicar unha vez por semana

Exemplo 3: Quero perder peso

S Vou baixar de peso

M Sóbranme 10 kilos

A Sei que podo mellorar a miña alimentación e facer máis deporte

R Quero sentirme mellor e vestir como me gusta

T Vou perder dous kilos ao mes

Exemplo 4: Quero lanzar o meu primeiro negocio

S Vou pór en marcha un servizo de deseño WordPress

M Necesito dúas webs ao mes

A Teño os coñecementos e a axuda do Viveiro de empresas do IES Cotarelo

R Quero ser o meu propio xefe

T Doume dous meses para ter o plan de empresa 

CALES SON OS TEUS PRÓXIMOS OBXECTIVOS SMART? TELOS CLAROS? 

Aquí tes a grandes rasgos unha estratexia para enfocar as túas metas e que resulte factible cumplilas.

Se o teu obxectivo é o número catro, lanzarte ao mundo emprendedor, no Viveiro de empresas IES Cotarelo podemos botarche unha man para definir os teus obxectivos SMART. 

Pasas a vernos e falamos do teu caso concreto?

Comparte:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn