Ten os seus anos, pero Mad Men é unha desas series que deberías ter na lista para ver si ou si.
(E máis clásicos como The West Wing, Os Soprano, The Wire, Breaking Bad, The Office, Game of Thrones… En fin, que nos poñemos coa lista e non rematamos).
Pero como este non é un blog de series, se non de emprendemento, quedámonos con Mad Men porque, de paso que entretén, aprendes de marketing.
E iso, cando estás pendente de sacar o teu propio negocio adiante, non sobra nunca.
E ademais, como non queremos facer spoilers, non imos pasar do primeiro capítulo.
>>> Buscas a túa idea de negocio? Aquí tes 7 negocios que podes montar con pouco investimento.
OS PRIMEIROS PUBLICISTAS NOS QUE SE INSPIRA MAD MEN
A publicidade masiva está asociada á Revolución Industrial. Lembras as clases de historia? Isto foi en Inglaterra a finais do século XVIII.
Con ela chegou a produción en masa e o nacemento das marcas para diferenzar produtos.
Coa posibilidade de fabricar máis, aparecen os excedentes que é preciso vender. Súmalle a isto a invención da litografía que permite imprimir en cores, e xa tes o pulo definitivo para a técnica publicitaria.
Porén, considérase que é nos Estados Unidos onde naceu a publicidade moderna.
Volney Palmer creou a primeira axencia de publicidade (tal e como a entendemos agora) en 1841 en Philadelphia. O seu éxito foi tal que, ao pouco, tiña oficinas por toda a costa este e o seu exemplo copiábase por todo o país.
Nos 50 e 60 a economía estadounidense ía vento en popa, e o poder adquisitivo da clase media subía como a escuma. Aquí xa estamos no escenario de Mad Men: a época dourada da publicidade.
O protagonista, Don Draper, non é un personaxe casual. Crese que o seu creador, Matthew Weiner, inspirouse en David Ogilvy e no seu libro Confesións dun publicitario.
OS TRUCOS DE DON DRAPER PARA VENDER MÁIS (E SÓ NO CAPÍTULO PILOTO)
Non había Internet na época de Mad Men, pero o marketing e a publicidade non cambiaron moito.
Hoxe temos máis datos e máis ferramentas (por exemplo, podemos usar TikTok), pero a base é moi similar.
Así que toma nota dos puntos básicos que debes ter en conta. Máis aló do carisma de Don Draper, hai moita estratexia detrás das súas campañas publicitarias:
Investiga o teu público
No primeiro capítulo, Don Draper está nun bar e pídelle ao camareiro un chisqueiro para encender o seu cigarrillo. A continuación, pregúntalle sobre o tema: Que marca fumas? Por que empezaches a fumar? Podería facer algo para que cambies de marca?
Está facendo en directo unha investigación, ao estilo das enquisas de hoxe. Esa información é básica á hora de armar un discurso de ventas que funcione.
Para aplicar este punto tampouco é imprescindible que vaias a un bar: ve onde estea a xente á que lle queres vender.
E, grazas á Internet, tampouco fai falla que fales con cada persoa unha a unha. Con crear un formulario en Google Forms, por exemplo, e pedirlle á xente que o comparta en redes sociais puede ser dabondo como punto de partida.
Diferénciate
Un dos momentos álxidos de Mad Men é o momento It’s toasted!
A marca Lucky Strike é cliente da axencia (si, antes podía facerse publicidade de tabaco). Pero se atopan con que o nivel de conciencia do seu público subiu: a xente sabe que fumar é un perigo para a saúde.
Como promocionar cigarrillos, entón?
Don Draper pídelle ao dono da marca que describa como fai o seu traballo, e este conta como fan o seu traballo: cultivan o tabaco, recólleno, sécano, tóstao…
Tachán! Aquí está o slogan: It’s toasted!
Realmente tódolos cigarrillos usan tabaco tostado, pero só este o conta e colócano como algo diferenciador.
Pensa en que fas ti que che distinga da túa competencia. E se non atopas nada, pensa nalgo inherente ao teu traballo que a competencia non está explicando ben. Aí o tes.
Por certo, o slogan It’s toasted! é real. O momento, non. Lucky Strike usouno en 1917.
Vende emocións
“A publicidade baséase nunha cousa, a felicidade. E, sabes o que é a felicidade? A felecidade é o olor dun coche novo. É ser ceibe de ataduras do medo. É un muro dun lado da estrada que che di que o estás facenco estálo facendo ben”.
Non é noso, claro: isto dío Don Draper.
O que din tódolos libros de marketing para confirmalo é que a compra é emocional.
Cando vaias vender non te centres nas características do teu produto ou servizo se non nos beneficios de comprarche.
Que problema solucionas? Que van conseguir despois desa compra? Cal é a transformación que van experimentar?
Dito así parece que lle tes que cambiar a vida aos teus clientes, pero tampouco é iso. O que si é preciso é que melloren as súas vidas nalgo, por pequeno que sexa.
Un reloxo pode ser un chisme que che dá a hora ou un símbolo de estatus, todo depende do que o teu cliente busque e do que ti sexas quen de ofrecerlle.
Unha mentira que nos contou Mad Men que non cola
Mad Men é ficción, iso témolo claro, verdade?
E poucas cousas hai máis cinematográficas que ver o protagonista sufrir mentres está atascado cun tema ata que, ao final, pasa algo que lle devolve a inspiración.
Iso ata ten un nome: A-ha moment ou Momento Eureka.
Ese momento no que hai unha epifanía, a situación queda despexada e está todo solucionado. Poderían ata soar violíns.
Como truco narrativo é xenial, pero a vida non funciona así.
O traballo dun publicista é moito máis aburrido do que parece e consiste en investigar, investigar e investigar (o produto, o mercado, o target) ata topar cunha idea máis ou menos potable.
E despois pulir esa idea ata conseguir unha campaña interesante.
E despois revisar esa campaña para ver que tal está funcionando e que se pode mellorar nela.
Ou sexa, que é un proceso e que non podes confiar tódalas túas cartas a que che veña unha idea mentres estás tomando dous güiscazos.
Igual un día funciona, pero o normal é que a inspiración pase de largo se non te pilla traballando.
SÉ UN MAD MEN PARA O TEU NEGOCIO E PROMOCIÓNATE COMO UN PROFESIONAL
Toma outra frase memorable de Don Draper: “O que chamas amor foi inventado por tipos coma min para vender medias”.
Si, Don Draper era un cínico (e tiña un problemiña co alcol). Non sexas como Don Draper.
Pero ten claro que a publicidade pode modelar a percepción dun concepto no consumidor. E que o teu negocio non pode vivir sen promocionarse.
Se precisas máis leccións de marketing, axuda co papeleo, ou validar a túa idea de negocio, o noso Viveiro de Empresas non está nun rañaceos en Nova Iorque, se non que o tes moito máis a man.
E ademais temos un montón de servizos gratuitos que poden axudarte.